6/11/2026

DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

 O Medio Ambiente é o entorno no que ten lugar o desenvolvemento dos diferentes organismos vivos e onde xorden interaccións entre eles.
Os organismos obteñen do Medio Ambiente todos os elementos que necesitan para vivir: aire, auga, refuxio, alimento e enerxía.
A ecoloxía é unha rama da Bioloxía que se encarga de estudar o Medio Ambiente e as diferentes relacións que xorden entre os seres vivos e o medio no que habitan.

Hoxe en día, o Medio ambiente vese afectado polo uso excesivo por parte dos seres humanos. É necesario que entre todos tratemos de coidalo e sandalo.
 
O pasado 5 de xuño conmemorouse o Día Mundial do Medio Ambiente establecido pola ONU co propósito de resaltar que a protección e o coidado do entorno natural son esenciais para o benestar humano e o progreso económico global.

Seguindo co traballo do PDI "Todos e todas pintamos algo", todo o alumnado, dende Infantil ata 6º de Primaria, colaborou na decoración de láminas e distintos carteis nos que aparecían accións que reflexaban a importancia de coidar o Medio Ambiente e a necesidade e de levalas a cabo no noso día a día.

O alumnado de Primaria coloreou tamén varias láminas de pintores famosos que reproducían fermosas paisaxes ou flores e froitos naturais.

Este material serviu para unha posterior exposición no edificio administrativo do centro.
Para o alumnado de Infantil realizáronse crebacabezas con distinto número de pezas de cadros de pintores famosos - Van Gogh, Monet, Frida Kahlo, Joaquín Sorolla- para traballar nas suas aulas.


 
Fíxose tamén especial fincapé na regra das Tres Erres: Reducir, Reutilizar e Reciclar así como da necesidade de facer un bo uso dos distintos colectores - verde, amarelo ou azul.
O alumnado de Infantil, 1º, 2º e 3º de Primaria participaron nun xogo que consistía en situar ao pé do colector correspondente pequenos carteis con imaxes de diferentes produtos: residuos orgánicos, papeis, xornais, botellas de plástico, xoguetes, latas, caixas...

A dinámica do xogo era a seguinte:
  • Primeiro formábanse parellas. Un dos membros levaba na cabeza, suxeito nunha pantalla, unha imaxe dun produto que non podía ver (unha mazá, un vaso de cartón, unha lata...) e o outro membro tiña que colocalo preto do colector correcto.
  • Cando todas as imaxes dunha quenda estaban colocadas comprobábase se se fixera ben e comentábase o por que do colector escollido: materia orgánica, envases ou papel. No caso de que resultara erróneo tiñan que corrixilo razoando a resposta.
Estas actividades teñen como fin que os nenos e nenas tomen conciencia da importancia das nosas accións para o coidado do planeta no que vivimos. 





















Ningún comentario:

Publicar un comentario